Será entre todas as persoas que merquen o seu vehículo durante a feira que se celebra os días 28, 29 e 30 de agosto no Parque Rego da Balsa de Carballo
A 21ª edición de Berocasión, a feira de vehículos de ocasión ao aire libre máis grande de Galicia, ten este ano como novidade dous sorteos dirixidos a dinamizar tanto o sector da automoción como a hostalería local, cun valor conxunto de premios de 1.300 euros.
Por unha parte, todas aquelas persoas que merquen o seu vehículo en calquera dos 17 expositores participantes durante os días da feira – 28, 29 e 30 de agosto – participan no sorteo dun ano de combustible gratis. Para iso, deberán cubrir debidamente unha papeleta que lle entregarán no momento da compra e despositala nunha urna que se instalará no recinto feiral.
O premio consistirá en 12 vales de combustible de 100 euros cada un, ata un total de 1.200 euros, que se poderán canxear exclusivamente na Estación de Servizo Shell As Labradas, en Carballo. O sorteo realizarase o día 30 de agosto ao remate da feira.
Sorteo na hostalería local
Ademais, Berocasión reforza nesta edición a súa vinculación co tecido económico da contorna a través dun segundo sorteo en colaboración coa hostalería local. Esta semana comezouse a
distribuir nos locais participantes (bares, cafeterías e restaurantes da zona) as papeletas que entregarán xunto coa consumición.
Neste caso, o premio será un vale de 100 euros para consumir nos establecementos hostaleiros asociados. As persoas participantes deberán cubrir a papeleta e depositala na urna instalada no recinto durante os días da feira. O sorteo tamén se realizará o domingo ao remate da feira.
Desde a organización destacan que estas iniciativas “buscan incentivar a participación cidadá e,ao mesmo tempo, apoiar sectores clave da economía local, como a automoción e a hostalería, xerando sinerxías entre ambos”.
